HOMENAXE A FRANCISCO MARTÍNEZ LEIRA "PANCHO"

HOMENAXE A FRANCISCO MARTÍNEZ LEIRA "PANCHO"

O Colectivo Terra e o Ateneo Eumés organizamos un amplo programa de actividades (conferencias, concertos, proxeccións) no 60 cabodano de Francisco Martínez Leira "Pancho". Os actos comezan este venres 16 de xaneiro ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume) cunha conferencia do prestixioso historiador Bernardo Maiz titulada "Pancho, o último guerrilleiro" e posteriormente terá lugar un concerto de Mini e Mero.

Martínez Leira "Pancho" naceu na parroquia de Ombre, Pontedeume, en 1916, e foi asasinado na mesma parroquia o día 31 de decembro de 1954, hai agora 60 anos. O Colectivo Terra e o Ateneo Eumés consideran a súa figura portadora de valores exemplares en calquera sociedade democrática. Foi solidario coa xente máis débil e máis necesitada. Defendeu a democracia, mesmo coas armas na man, tentando repoñer a legalidade constitucional republicana. Solidariedade, democracia e antifascismo son valores cidadáns nos que se asentan os países máis avanzados do noso entorno europeo e por iso mesmo son promocionados desde os centros de ensino e os medios de comunicación.

Cando Rey Balbís se exilia a Francia en 1951, Pancho convértese no máximo dirixente da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza. Despois da caída de Foucellas en 1952, Martínez Leira pasa a ser o último guerrilleiro activo en Galiza. Polas súas características e pola súa firmeza democrática, Pancho acadou a categoría de mito. Por todos estes motivos o Colectivo Terra e o Ateneo Eumés organizan este amplo programa de actividades titulado "Pancho na memoria":

  • 16 de xaneiro, conferencia de Bernardo Maiz "Pancho, o último guerrilleiro" e concerto de Mini e Mero ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume).
  • 23 de xaneiro, Bernardo Maiz presenta unha mesa redonda sobre testemuñas vivas titulada "Pancho en primeira persoa" ás 19:30 no Salón de Plenos do Concello de Mugardos.
  • 13 de febreiro, conferencia de Carlos Méixome "Represión e resistencia na Galiza" e proxección de "A cidade da selva" ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume).
  • 6 de marzo, conferencia de Aurora Marco "As mulleres na guerrilla" e proxección de "Silenciadas" ás 19:30 no Salón de Plenos do Concello de Mugardos.

Compartir:



HOMENAXE A FRANCISCO MARTÍNEZ LEIRA "PANCHO"