CONTINÚAN OS ACTOS DE HOMENAXE A PANCHO

CONTINÚAN OS ACTOS DE HOMENAXE A PANCHO

"Pancho en primeira persoa", mesa redonda coordinada polo historiador Bernardo Maiz con testemuñas directas que coñeceron o último guerrilleiro

O Ateneo Eumés e o Colectivo Terra continúamos cos actos no 60 cabodano de Martínez Leira"Pancho". O próximo venres 23 de xaneiro ás 19:30 no salón de plenos do concello de Mugardos, Bernardo Maiz coordina unha mesa redonda titulada "Pancho en primeira persoa". Nela xuntaranse familiares, amigos e testemuñas vivas para falar sobre Pancho e renderlle unha homenaxe ao heroico combatente.

Con esta mesa o Ateneo Eumés e o Colectivo Terra queremos achegarnos ao perfil humano de Pancho e profundizar na dureza da represión franquista contra unha familia leal á democracia e contra un pobo indomábel que apoiaba a loita pola liberdade que lideraba o Exército Guerrilleiro de Galiza.

Algúns destes testemuños serán arrepiantes como o do fillo de Pancho, Manuel, que nunha recente entrevista explicaba a situación familiar após o asasinato do pai: “Á miña nai mandárona desterrada a Valladolid, á miña irmá ao País Vasco, e a nós os dous a un hospicio que estaba no Pazo de Mariñán, recordo todo perfectamente. Estabamos máis de cen nenos, algúns inválidos e dábannos leña a todos. Lavábannos a todos na mesma auga e metíannos a cabeza baixo a agua sucia realmente non sei para que. Eu fiquei traumatizado, si, tempo despois deime conta que o meu carácter vén daqueles anos".

Outros testemuños explicarán o apoio popular que tiña a guerrilla. Rey Balbís, xefe da IV Agrupación, tiña ben claro que “as guerrillas sobreviviron grazas á coraxe dos seus homes e mulleres, mais sobre todo polo inmenso arraigo que tiñamos no pobo. Iso xerou un apoio sen o cal non poderiamos ter resistido. Non contabamos cunha xeografía que nos amparase, e habiamos de ter bases, puntos de apoio, enlaces, que involucraban a xentes do pobo: homes, mulleres e mesmo crianzas. Incluso había algún que outro cura que nos apoiaba. O pobo galego demostrou ser un pobo verdadeiramente valente, porque aquilo non era unha brincadeira: todo aquel que, dunha ou outra forma, nos apoiaba, estaba a se xogar a vida”.

Os seguintes actos do ciclo “Pancho na memoria” serán o venres 13 de febreiro ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume) cunha conferencia de Carlos Méixome titulada "Represión e resistencia na Galiza" e durante a que será proxectado o documentario "A cidade da selva". E concluiremos as actos en homenaxe a Pancho o venres 6 de marzo ás 19:30 no Salón de Plenos do Concello de Mugardos cunha conferencia de Aurora Marco que falará sobre "As mulleres na guerrilla" e será proxectado o documentario "Silenciadas".

Para máis información: 639 28 82 63 http://panchoguerrilleiro.wordpress.com

Compartir:



CONTINÚAN OS ACTOS DE HOMENAXE A PANCHO