SERÁNS EN LILA

SERÁNS EN LILA

Xa o denunciara por ameazas... O xulgado dictara orde de protección... Iniciaran os trámites do divorcio... Unha historia que son moitas cando outra muller é asasinada. Perante esta lacra, decidimos que o Treme a Terra deste ano sexa en clave feminista. O data do festival non está pechada, pero xa DENDE ESTA FIN DE SEMANA comezamos coa programación. Unha serie de actividades paralelas cun obxectivo claro. Visibilizar para poñer fin a este sistema patriarcal. Agardámoste!

-SÁBADO 14 DE NOVEMBRO: 

No local do Colectivo Terra. Dende as 19:00h

+Presentación do libro Mamá Carmen, de Paloma Rodríguez: 

Botando man das lembranzas e historias da tradición familiar compostelá, a profesora e psicóloga Paloma Rodríguez plasma, a través de nove relatos, un mundo que semella non pasou hai tantos anos. Este libro é unha homenaxe á memoria materna, habitual depositaria do pasado, sendo as mulleres as protagonistas destes relatos nos que se nos fala da dureza da existencia e de seres que  enfrontan á vida cara a cara.

+Proxección da curtametraxe Conversas cunha muller morta, de Sonia Méndez:

Como explica a súa directora, Conversa cunha muller morta quere ser unha homenaxe a “todas as mulleres que sufriron e sofren a violencia de xénero” e un modo de lles “dar voz ás que xa non poderán contarnos a súa historia”. Nas súas nota de dirección, Sonia Méndez especifica que, neste sentido, o guión partiu do intento de responder unha única cuestión que, á súa vez, deu pé a outras moitas preguntas: “Que sucedería se unha vítima mortal por violencia de xénero puidese ‘volver’ e ter unha conversa co seu asasino e parella no pasado?”. Así, e sempre desde a premisa de abordar esta temática co máximo coidado, a realizadora procurou un marco ficcional “respectuoso, directo e efectivo” que pon o foco sobre esta conversa vítima-verdugo e non sobre a visualización do crime ou da violencia pasada.

-SÁBADO 28 DE NOVEMBRO: 

No local do Colectivo Terra. Dende as 16:30h

+Obradoiro feminista de Marta del Río

+Concerto de Sofía Espiñeira, gañadora do concurso de novos talentos de Teo 2015.

A entrada será de balde para todas as actividades.

Compartir:



SERÁNS EN LILA