FESTIVAL TREME A TERRA

FESTIVAL TREME A TERRA

Palestras, homenaxes e música na 18 edición do Festival Treme a Terra, un evento que volveu con forza no 2015 logo de varios anos de silenciamento forzoso.

O Treme a Terra está en marcha! Con esta van xa 18 edicións e o alicerce sobre o que pivote será a loita antifranquista. Un chamado a non esquecer ás que loitaron coas armas na man contra a barbarie fascista. Ás persoas que xa no 1936 tiveron que escapar ao monte logo da sublevación militar e mantiveron unha dura resistencia formando co tempo as primeiras estructuras guerrilleiras do Estado. Porque na Galiza non houbo guerra civil, pero si un exterminio sistemático da poboación fiel á República. En tan so tres anos foron asasinados 4699 persoas galegas. Mortes controladas e instigadas por militares e falanxistas. Namentres no resto do territorio agudizábase unha contenda militar con dous bandos diferenciados, no noso país, aparentemente sometido, prendíase unha larvada guerra sen frontes nin exércitos. Unha heroica resistencia que agardou ata que non puido máis por unha axuda internacional que nunca chegou. Sirva este festival de homenaxe ás que perderon a vida na procura da liberdade. 

A programación do festival ven marcada polo prato forte do sábado 9 de decembro coas actuacións de Voodoo, Ses, Nao e Rebeliom do Inframundo. Cada banda con estilo e propostas de seu, diferentes, mais que coinciden en ser exemplo da calidade do panorama musical actual do no noso país. Dende as 21:00h na pista Polideportiva (Fronte a FP). Contaremos con postos con comida para que non tenhas que sair do recinto.

Domingo 10. Minifestival para pequenas e maiores coa actuación de Cé Orquestra Pantasma. Ás 17:00h na Casa da Cultura.

Venres 15. Palestra sobre a Guerrilla Antifranquista co historiador Bernardo Maiz. Ás 20:00h na Casa da Cultura

Sábado 16. Homenaxe ao guerrilleiro Riqueche e ao resto do destacamento Arturo Cortizas, que a día de hoxe seguen soterrados nunha foxa común no Mosteiro de Monfero.  Contaremos co historiador Manuel Domínguez Ferro. Ás 12:00h no Mosteiro de Monfero.

Domingo 17. Minifestival co grupo eumés Trebellos. Música e maxia para toda a familia. Ás 17:00h na Casa da Cultura.

Domingo 31. Ofrenda floral ao guerrilleiro nado en Pontedeume Francisco Martínez Leira "Pancho". Ás 12:00h no cemiterio de Meá, Mugardos.

Como cada ano, todas as actividades son de balde. Un desafío para todas as que formamos parte do Colectivo Terra, asociación sen ánimo de lucro na que todo o recadado destínase financiamento das actividades que promovemos. 

"E que importa, meu ben, que morramos, se deixamos semente de vencer”. 

Colectivo Terra.

Compartir:



FESTIVAL TREME A TERRA