MINA NON!

MINA NON!

O Colectivo Terra organiza a quinta 28 de xunho a proxección do documental 'A ameaza do cobre', dirixido por Xosé Bocixa. Contaremos coa presenza de representantes da Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON.  

Tralo clamor multitudinario que encheu o pasado domingo as rúas de Compostela, onde milleiros de persoas deixamos claro que non queremos outra herdanza envelenada, chega a Pontedeume o documental que pretende amosar o risco que supón un proxecto destas características para a poboación. A empresa de Cobre San Rafael quere apoderarse de 500 hectáreas de terreos agrícolas e forestais que son a base de moitas explotacións agrarias. Estamos perante un proxecto baseado na planificación de quince anos de megaminaría intensiva, con maquinaria pesada traballando as 24 horas do día e voaduras diarias. Apenas década e media de extracción na que se crearían dous depósitos de residuos e catro vertedoiros, que ocuparían un total de case 300 hectáreas. En definitiva, un legado en forma de enorme balsa de lodos tóxicos composta por 50 millóns de metros cúbicos de residuos da mina, que porá en risco a saúde das persoas, os acuíferos da zona, o río Ulla e os bancos marisqueiros de Arousa. 

Dende o Colectivo Terra queremos amosar o noso rexeitamento a este tipo de proxectos agresivos que ponhen en risco a vida das persoas. Non podemos permitir a prevalencia deste modelo de explotación colonial onde os de sempre se apropian dos nosos recursos naturais a cambio de miseria edulcorada coa promesa de postos de traballo (precario). Como aconteceu históricamente na Galiza, os beneficios económicos marcharán cara os petos dos piratas dos despachos, namentres no territorio quedará a desfeita medioambiental. 

Entre todas botaremos atrás este proxecto. Galiza non é unha mina!

Compartir:



MINA NON!