Turistificaçom

Turistificaçom

Xentrificación ou turistificación son termos xa habituais nas protestas sociais. Xente que se ve obrigada a abandonar as súas vivendas no centro das vilas e cidades para deixar paso ao turismo e a persoas de maior poder adquisitivo. As nosas rúas e prazas, o noso espazo de vida convertido nun producto máis co que facer negocio. Non é turismofobia, coma se nos intenta vender dende os media do sistema. É, coma sempre, loita de clases. 

Os problemas do turismo van máis aló das aglomeracións, do ruido, da suciedade e o incivismo de quen pensa que por ser fonte de riqueza ten dereito a emporcar. A proliferación dos pisos turísticos nas cidades do país e nas vilas da costa creou unha espiral ascendente dos prezos do alugueiro que fai imposíbel atopar unha vivenda digna a un prezo aceptábel. A nosa vila, Pontedeume, noutrora fervedoiro obreiro chantado no epicentro do Golfo Ártabro, a cabalo entre a cidade da Corunha, a mina e central de As Pontes e o naval da ría de Ferrol, é agora un decadente esquelete de vigas de madeira podrecida. Ducias de vivendas do centro histórico en estado ruinoso que son un claro exemplo de que o capitalismo non se vai a preocupar polos problemas das nosas rúas obreiras ata que non estemos rodeadas de turistas e vecinhanza con un maior poder adquisitivo. É dicir, namentres no centro da nosa vila caminhe xente humilde e non persoas con maior poder adquisitivo que consuman e merquen eses bens e servizos cada vez máis caros. 

E coma sempre, co trasfondo da explotación da clase obreira. Somos tratadas pola sociedade burguesa coma unha mercadoría. Salarios de miseria e xornadas laborais de horas infinitas. As terribles condicións laborais do modelo turístico son un síntoma do aumento xeralizado da explotación da clase traballadora dende o inicio da crise capitalista. E nunha sociedade pregada fronte ao turista non cabe outra que berrar alto que a súa presenza fainos escravas. O sector turístico basea a súa rendabilidade na explotación intensiva da man de obra. A precariedade, a temporalidade, a falta de dereitos ou a imposibilidade real de reclamalos convertíronse no normal. O 97% dos contratos asinados no sector turístico no pasado ano foron de carácter temporal. A metade dos mesmos de menos de dúas semanas. Chámanlle recuperación.

E nestas estamos. É preciso cambater este proceso de xentrificación e defender o carácter popular, obreiro e mestizo dos nosos barrios e vilas. A idealización do progreso non pode ocultar a problemática que hai detrás destes procesos transformadores: degradación da paisaxe, contaminación, falta de servizos públicos, de transporte, de acceso a bens culturais e de ocio... Non queremos que a nosa vila se convirta nun parque temático con horario de apertura. As nosas casas non son fachadas dun decorado para selfies. As rúas son nosas. 

Por iso comezamos esta campanha. Só un berro nas redes. Un chamado de apoio á loita contra os desafiuzamentos, a especulación e a precariedade laboral. 

Turistificaçom. Luxo para eles, precariedade para nós.

Compartir:



Turistificaçom