ARDÓBRIGA

ARDÓBRIGA

Cátedra. Revista eumesa de estudios.

O santuario do Breamo. Retrato dunha montaña sagrada. Autor: Antón Prego Fernández. XVIII Premio de Investigación Concello de Pontedeume.

Adrovica, Adrovica, Adrobriga, Abobrica, Ardobriga, non hai acordo sobre a verdadeira forma deste topónimo e moito menos sobre a súa localización. Por un lado, autores vencellados a Ferrol como Saralegui, Romero Masiá e Pose Mesura sitúana nesa localidade, v. ROMERO MASIÁ, A. e POSE MESURA, X.M. Outros como Schulten propoñen a posibilidade de situala nas ribeiras do Eume. Millán González-Pardo en Toponimia de Pontedeume, non dubida en decantarse pola forma Ardóbriga e por situala no castro de Castrelo, entre as parroquias de Centroña (Pontedeume) e Perbes (Miño).

Ao respecto do castro de Castrelo, paga a pena deterse un pouco a comentar as hipóteses planeadas por Isidoro Millán González-Pardo, quen se decanta pola forma Ardobriga no canto de Adrobrica para a cidade mencionada polo xeógrafo romano Pomponio Mela na súa Chronographia, á luz da interpretación que fai do orónimo Breamo. O significado do nome do monte *Brigamos para este autor sería montouto, monte moi alto ou altísimo, e o da cidade ártabra como alta fortaleza ao resgardo ou a carón dun monte (de ard-=alto, grande, crecido, máis a terminación -briga, que xa a mediados do s. I d. C. perdera o significado primitivo de altura para adoptar o de cidade) 

¿cuál era, y cómo la Ardobrica urbs de este pa-saje [da Chronographia de Mela] Las circunstancias hasta ahora analizadas nos llevarían a pensar, alrededor del año 40, en un poblado de exclusivo carácter indígena, situado, mejor acaso que en la cumbre del BREAMO, en una empinada ladera o estribo del monte. Entre San Miguel de BREAMO y Santa María de Centroña, se extendía la prolongada colina de Os Castros, en cuyo paraje de As Casas Vellas apareció en el año 1912 el torques de oro, mutilado, llamado de Centroña. (...) Podría ser esta la exacta localización que buscamos. El marcado carácter de tradicionalidad artística que revela la factura cuidada de aquella joya, sería indicio, en los que la labraron o se ornaron con ella, de pertenecer a un grupo con fuerte estabilidad social y un apreciable nivel de riqueza, refinamiento y destreza técnica. 

Ese lugar dos Castros que menciona Millán é o agora máis coñecido como castro de Castrelo por ser este o núcleo de poboación máis próximo. Ve Isidoro n Millán as costas da actual Centroña un centro de grande actividade comercial e exportadora, de intercambio por vía marítima coa provincia Bética, de almacenaxe de produtos recibidos ou trocados e mesmo de incipientes instalacións industriais, que co seu desenvolvemento propiciaría a paulatina formación de asentamentos nas terras baixas da franxa costeira a expensas da desocupación de Ardóbriga como lugar de habitación e, en definitiva, coa perda do topónimo orixinario. A hipótese equiparativa Ardóbriga/Castrelo de Millán é verosímil pero só podería ser confirmada por un achado epigráfico de moi difícil acontecemento que corroborase, sen lugar a dubidas, este nome para o oppidum que, dende logo, podemos seguir a considerar capital dos prucios por unha chea de indicios entre os que tamén a podemos ter en conta.

Pero Millán non se detén aquí. Cando analiza o topónimo Centroña propón unha orixe en *Centrobriga como cidade do centro ou posta no medio, posíbel segunda denominación da mencionada Ardóbriga que acabaría por se impoñer sobre esta. Este significado viría xustificado polos seguintes argumentos:

La actual feligresía de CENTROÑA, en el lugar que señala la Hoja 21 del 1/50.000 por posición de O PORTIÑO, a la vista de la pequeña cala o ensenada dominada por el templo parroquial, equidista, con exactitud matemática, 8.250 m. (=44,6 estadios) de las respectivas bocas del río Lambre -situado en A Ponte do Porco- y del Xubia –fondo de la ensenada de o Montón (¿Moutón?)–, puntos extremos austral y boreal del diámetro meridiano de un círculo que tiene CENTROÑA por justo centrum. 

Aceptando como probábel a proposta do significado etimolóxico para Centroña, resulta moi difícil asumir a súa argumentación xeográfica por dous motivos: en primeiro lugar, custa moito crer que os romanos posuíran os medios técnicos necesarios para trazar con tanta precisión ese círculo imaxinario do que fala o filólogo pontevedrés; en segundo lugar, resulta evidente para calquera que coñeza minimamente a consistencia da rocha que compón os acantilados desta parte da costa ártabra que o seu aspecto actual dista necesariamente moito do que puido ter nos tempos do xeógrafo de Tingentera (s. I d. C.), a erosión que produce o mar pódese apreciar de ano en ano. Non obstante, non é absolutamente desbotábel a idea de cidade do centro, pero non dun centro xeográfico (que tamén: a posición central do Breamo no Golfo Ártabro, aínda que non sexa tan exacta, xa quedou comentada como evidente) senón dun centrum, dun centro no sentido simbólico comentado que reforzaría a condición do castro de Castrelo (fora ou non a Ardóbriga de Mela) como capital política e como custodio do santuario de Breamo. O mesmo Millán pregúntase neste sentido pola razón última daquela centralidade: 

¿Podría haberse debido acaso a la ubicación de un “culto al centro” comarcal, respetado por la administración romana, en el próximo monte Brigamos?

Parece esta última proposta moito máis plausíbel que a de ser o lugar onde os romanos espicharon o compás para trazar o círculo.

Compartir:



ARDÓBRIGA