A VOLTAS CON BRIGAMO

A VOLTAS CON BRIGAMO

A antiga tradición de render cultos pagáns nos montes máis altos do noso territorio quedou patente coas mostras etnográficas e as pegadas deixadas na toponimia da bisbarra. Con toda probabilidade no cumio do monte Breamo existía algún monumento deste tipo, substituído en 1187 polo actual templo románico. Por todas é conhecido o afán co que o cristianismo tentou solapar toda tradición pagana con mitoloxía e construccións de seu. A teoría de que no noso monte existía un rito de índole pre-romano está apoiada pola persistencia, aínda a día de hoxe, do ancestral rito deambulatorio para pedir a protección da divindade.

Pero que significado tenhen as voltas á capela? Segundo o escritor Ramiro Fonte, o verdadeiro rito consiste en dar un número de voltas arredor do monumento, non en adorar a imaxe do santo, pequeneira e case invisíbel na penumbra da ousia, e si a unha deidade apócrifa do tempo dos ártabros. Tamén, segundo unha cantiga de Pepe Fonte, os romeiros teñen que “dar as tres voltas acompañadas dun trago”, no sentido contrario das agullas do reloxo e “logo roer o cravo”. Estas dúas prácticas tamén foron recollidas polo estudo do conde de Quirós, quen asegura que recibiu a información de que xente que mal de ollo, ou que están enfermos ou deprimidos, dan nove voltas arredor da igrexa e logo teñen que morder cos dentes no cravo que está na porta para escorrentar un maleficio. Sexan tres ou nove as voltas que os romeiros dan cada ano é necesario conhecela nosa historia un pouco máis en profundidade. Grazas a numerosos estudos da Revista Cátedra, de onde quitamos estas palabras, podemos facer un percorrido milenario polo terreo que comprende o monte Breamo e as súas ladeiras cara o que hoxe son os concellos de Minho e Pontedeume.

Cando o eucalipto non o enchía absolutamente todo, desde o cumio do monte podiamos observar o encontro do río Eume co océano Atlántico. O nome co que os celtas chamaban a esta montaña era Brigamo, que se compón da forma brig-, monte ou lugar elevado, e o sufixo superlativo –amo, que equivale a supremo, monte supremo ou lugar moi elevado.

Dicía Murguía, que os “bardos das edades”, dos que falaba Pondal, transmitiron unha lenda referida ao Pontedeume celta ou castrexo. Moi antigamente, antes de que a nave trirreme chegase polo golfo Ártabro ás nosas costas, na desembocadura do Eume, na aba do monte de Breamo, os nosos devanceiros construíran un poboado, que medraba en riqueza cada día coa pesca e mais o comercio. Por se protexer das invasións marítimas, levantaron castros nas súas cuíñas e construíron un templo sagrado na honra dos deuses da Natureza no cumio do Breamo substituído e cristianizado desde o ano 1187 pola actual ermida románica dedicada ao arcanxo san Miguel, desde onde vixiaban a entrada de inimigos polo mar.

A pre-existencia do santuario do monte de Breamo foi xa intuída por varios autores, como Ángel del Castillo, que escribiría en 1914: “Sitio tan recogido y hermoso, es muy probable que hubiera servido en aquellos tiempos en que se adoraba a la naturaleza, para altar de las gentes que poblaron el cercano y prehistórico castro de Centroña”. Logo de 30 anos Antonio Couceiro Freijomil di: “no hay razón para desechar radicalmente la hipótesis de los que suponen que allí como en las cimas de otros montes, hayan tenido culto las divinidades paganas. El celta habitó, si no en aquel lugar, en otros bien cercanos: evidentes huellas de su paso dejó en la próxima feligresía de Centroña”. En 1995 Carlos de Castro admite a posibilidade de que outros moradores habitasen o santuario con anterioridade aos cóengos regulares, mais só ratificábel cunha intervención arqueolóxica, e considera evidente que a eles debe Breamo todo o que posteriormente chegou a ser.

Os vestixios máis antigos de actividade humana que temos nesta zona corresponden á aba sur do monte que descende con suavidade cara á ría formando un amplo e protexido fondal regado polo río Xarío. Este complexo prehistórico estaba formado inicialmente por cinco mámoas e un poboado neolítico que no seu momento foi o máis grande dos achados en Galicia, pero coa construción da inacabada urbanización de Costa Miño Golf desapareceu unha delas e mais o poboado que aparecera debaixo.

Son coñecidos e están catalogados tamén varios castros nas proximidades, comezando polo de Castrelo, na mesma faldra do monte polo seu lado oeste e polo que atravesa a divisoria municipal entre Pontedeume e Miño, famoso polo achado en 1912 da metade dun torque de ouro e moi probabelmente datábel na 2ª Idade de Ferro e primeira etapa da Romanización. Non moi lonxe, na parroquia de Boebre, están os restos do castro da Ínsua que foi escavado en 2011 por iniciativa da asociación Ardóbriga dando como resultado un nivel de ocupación moi antigo, da 1ª Idade do Ferro, un abandono tamén antigo, unha posterior reutilización como necrópole tardo antiga para rematar aloxando o mosteiro que orixinou a primeira igrexa parroquial de Santiago de Boebre. Outros castros dos arredores son o de Nogueirosa, Os Chaos de Ombre, A Orela, Andrade, Bañobre e Loios, por citar os máis próximos e sen atravesar a ría de Ares nin a de Betanzos por non estender de máis a relación. De época romana é a coñecida como vila Romana de Centroña, no lugar do Cerrulo desa parroquia, escavado por J.M. Luengo en 1950. Os restos romanos de Sopazos, identificados por Ángel del Castillo e os achados casuais do cadrifaz de Esteiro e a estela galaico-romana de Grandal (vilarmaior) e o tesouriño de moedas de época romana de Algara en Bermaño (Perbes), que xunto á mencionada necrópole tardo-antiga da Ínsua certifican unha intensa ocupación nesta zona do Golfo Ártabro dende tempos moi antigos até a mesma actualidade.

A subida ao Monte Breamo é parte da nosa historia como vila e tamén como Pobo. A meirande parte do ano un lugar no que aprecias o máis caro da vida de tolos que nos queren imponher. A ausencia de ruido. Un lugar que convida a calar. Mais nos días da romaría. Festa en estado puro. Foguetes, gaitas e gorxas máis ou menos afinadas. O que cansa da subida son as ganhas de chegar. Romaría a Breamo. Ogallá 2000 anos máis.  

...subir en soños, ou nun soño desperto, unha escaleira ou unha montaña tradúcese, a nivel da psique profunda, nunha experiencia de rexeneración (resolución da crise, reintegración psíquica). 

 …Chegar ao centro do mundo implica que se chegou ao punto de partida do cosmos, ao comezo do tempo, en definitiva que se aboliu o tempo.

Moita da información que usamos neste artigo pertence ao estudo levado a cabo por Antón Prego Fernández que leva por título “O santuario do Breamo. Retrato dunha montaña sagrada”, XVIII Premio de Investigación Concello de Pontedeume e recollido en Cátedra. Revista eumesa de estudios. Queremos agradecer dende o noso colectivo o infatigábel traballo de todas as que colaboran na elaboración desta revista. Un legado histórico ao que en non poucas ocasións acudimos para nutrirnos de información de cara as nosas actividades ou para a elaboración do libreto do Festival Treme a Terra. Obrigadas.

http://catedra.pontedeume.es/23/catedra23_premio.pdf

Compartir:



A VOLTAS CON BRIGAMO