Reclamamos a retirada dos contedores Humana

Reclamamos a retirada dos contedores Humana

 Tras esta organización agóchase o entramado financiero da seita Tvind, que xa foi condenada por enriquecimento ilícito e branqueo. Con sede en Dinamarca, mais con presenza en paraísos fiscais, o seu fundador está sendo buscado pola Interpol. A empresa Humana vende a roupa en tendas de segunda man en multitude de países. Coa doazón de roupa nestes contedores, fornecemos de balde a materia prima do seu lucrativo negocio, ficando a multinacional co 91% dos beneficios.

Segundo datos extraídos da súa propia páxina web, Humana recolleu no exercicio de 2018, 18.000 toneladas de roupa usada nos máis de 5.000 contedores que ten repartidos polo Estado espahol, acadando uns beneficios de máis de 22 millóns de euros. Destes, invertiron só un 8´98% en proxectos solidarios, dos que ademais se descoñece información pola súa nula transparencia. 

Xa no 1999 o xornal El País lanzaba a seguinte pregunta. “Humana, ONG, empresa ou Secta?” O propio voceiro de Humana no Estado espanhol reconhece que son unha asociación “nada convencional”, adicada á recollida e venta de roupa de segunda man como medio de obter fondos para proxectos de cooperación en África. Mais a Asociación para a Atención e Investigación de Socioadiccións (AIS), sentencia que son unha secta que obtén beneficios millonarios. Tamén RedUNE, Asociación para a prevención da manipulación sectaria, inclúe a Humana na listaxe de sectas mediante as siglas Tvind-Humana ou Human People to People. O fundador desta organización, Amdi Petersen, leva varios anos en paradoiro desconhecido e xa foi condenado a prisión polo Tribunal Superior de Xustiza de Aarhus (Dinamarca), xunto a outros catro cargos destacados da organización. Imputáronlles delitos de evasión de impostos, fraude e enriquecimento ilícito. 

A canle de televisión pública de Portugal, RTP, ou La Sexta, emitiron recentemente reportaxes sobre os vencellos desta suposta ONG e a seita Tvind, ou lavado de cartos a evasión de impostos. A Fiscalía do Brasil acusou a tres “cooperantes” europeos do delito de  branqueo de 12 millóns de dólares en fondos “humanitarios”. Os tres son membros da secta Tvind, á que as autoridades brasileiras califican de “organización criminal trasnacional” responsábel dun labirinto  de contas no extranxeiro en empresas pantasma e organizaciónns benéficas falsas. Sobre este entramado de organizaciónns que pertencen a Tvind, a BBC emitiu un documental que revelaba as prácticas abusivas co alumnado para a obtención de fondos para a seita nun instituto privado do Reino Unido. Foi o propio Reino Unido quen retirou tamén a Humana o selo de organización sen ánimo de lucro e algunhas cidades do Estado español, coma Valencia ou Madrid, anularon xa o convenio suscrito con eles. 

Mais, quen pode dubidar dunha actividade baseada na cooperación se mesmo está patrocinada desde concellos coma o noso? A táctica desta empresa para protexerse moralmente é construir unha blindaxe a base de contratos e acordos difusos coas Administracións e concellerías de Medio Ambiente. Isto é, buscando apoios baseados na cooperación e na súa suposta tarefa social, mediante un mecanismo de xestión, comunicación e marketing no que admiten invertir más de 1’3 millóns de euros ao ano. 

Baixo a afirmación de roupa sostíbel, Humana gasta moitos dos seus recursos en enviar a África esta roupa de segunda man para logo ser vendida. “Emerxencia climática en Namibia. Dona xa.” ou “Loita contra o VIH en África” son algunas das campañas da organización nesta suposta cooperación internacional. Introducindo todas esas toneladas de roupa en mercados subdesenvolvidos, ademais de ser un lucrativo negocio para a empresa, erosiona a economía local nos lugares onde venden esa roupa, tirando os prezos e facendo totalmente inviábel a existencia de talleres locais. Segundo El Confidencial, doce países africanos prohibiron xa a importación de roupa usada ao considerar que este comercio elimina a competencia do téxtil local. Só en Túnez hai 53 fábricas que clasifican a roupa chegada de Europa. Segundo unha investigación do programa “Reporteiros” da canle France24, o 98% da roupa de segunda man que se dona en Occidente entra nun circuito internacional de compra-venta. 

Desde o Colectivo Terra SOLICITAMOS a retirada inmediata dos contedores de roupa usada que a organización Humana ten instalados en Pontedeume e reclamamos a entrada dun novo servizo de doazón de roupa afastado das dinámicas lucrativas, baseado únicamente nun fin social.

Fontes: 

El País.

El País.

La Sexta.

 El Confidencial.

 El Mundo.

RTP.

BBC.

Ecologistas en Acción.

TvindAlert.

Atención e Investigación de Socioadiccións (AIS).

 RedUNE, Asociación para a prevención da manipulación sectaria.

Compartir:



Reclamamos a retirada dos contedores Humana