Vén de publicarse no BOE do 29 de maio de 2021 que Iberdrola ten intención de construir o Parque Eólico Pena do Corvo. Desta volta en Monfero, onde 13 aeroxeradores ameazan directamente ás Fragas do Eume e a todo o conxunto de bens medioambientais, paisaxísticos e arquitectónicos que cruza a linha de alta tensión que a empresa levantaría até Meson do Vento.

Colectivo Terra. 08/06/2021

Iberdrola, Greenalia, Endesa e a portuguesa EDP tenhen a intención de construir unha ducia de parques eólicos entre as comarcas de Ortegal, Trasancos e Eume. Estudamos a declaración de impacto ambiental presentada por Iberdrola para erguer 13 aeroxeradores en Monfero cun total de 58,5 MW de potencia instalada. Trátase do Parque Eólico Pena do Corvo, con aeroxeradores de 180 metros de altura situados no linde do Parque Natural das Fragas do Eume, co polígono eólico entrando de cheo no corazón da fraga, a través dos concellos de Cabanas e A Capela. Ademais a empresa EDP quere construir o Parque de Roidiz entre A Capela, As Pontes e Xermade, con 80 MW e um pouco mais ao sur, em Monfero, levantará o de Taboada, con 12 eroxeradores de 6,2 MW. Haberá novos muínhos tamén en San Sadurninho, Moeche, Valdovinho e Somozas. Todos están aínda en fases previas á aprobación definitiva, mais xa en marcha desde o punto de vista administrativo e técnico. A todo isto hai que engadir os seis parques eólicos que Endesa anunciou na comarca do Eume conxuntamente á construción da planta de hidróxeno verde e que suporán mais de 600 MW de potencia instalada. Para o caso do PARQUE EÓLICO PENA DO CORVO, desde o Colectivo Terra presentaremos ALEGACIÓNS ante a Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galiza, solicitando o rexeitamento das solicitudes de autorización administrativa previa e de construción do proxecto en virtude ás Directivas Comunitarias nas que prevalece o valor medioambiental sobre o uso e desenvolvemento industrial, que é incompatíbel cos valores ambientais, patrimoniais, paisaxísticos e socioeconómicos presentes na área de afección do proxecto. Existen perxuizos significativos nas especies

protexidas e en perigo de extinción. Afección severa e incompatible cos valores ZEC e Zona Especial dos Valores Naturais do Parque Natural Fragas do Eume e ZEC Río Betanzos Mandeo e Vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres e contraria á protección ambiental da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade. O propio estudo de impacto ambiental, redactado pola consultora ambiental Taxus, mesma empresa que contratou Endesa durante o último episodio de contaminación do río Eume, advirte que se verán afectados un total de 49 elementos do patrimonio cultural no entorno do proxecto do parque e do treito da instalación de evacuación eléctrica cara a subestación de Mesón do Vento, unha linha aérea de alta tensión que percorrerá un total de 45,57 quilómetros. O tremendo impacto visual, medioambiental e paisaxístico que suporá a instalación do parque a poucos metros do Mosteiro de Monfero e das propias Fragas do Eume, ademais do levantamento da linha de alta tensión sobre espazos protexidos, ou polo movemento de terras, a apertura de caminhos e tránsito de maquinaria pesada que poden danar xacementos arqueolóxicos, castros, mámoas, petróglifos, túmulos, muinhos, unha ponte medieval e mesmo o Caminho Inglés a Compostela (todos eles a poucos metros do proxecto como así redacta o Estudo de Impacto Ambiental), pensamos desde o Colectivo Terra que existe un risco insalvábel para a tramitación deste proxecto, que supón unha ameaza moi grave para a protección destes espazos e elementos do patrimonio público.

Hai que ter en conta que o criterio xeral da Dirección Xeral de Patrimonio é nom permitir obras de nova execución nas imediacións dos xacementos arqueolóxicos. Estamos ante un anteproxecto que pode afectar de xeito severo ao Patrimonio. A protección destes elementos queda recollida na Lei 5/2016, de 16 de maio. A propia empresa culmina a declaración de impacto ambiental cun «se plantea la compensación del impacto producido sobre el paisaje mediante la plantación de 100 ejemplares de árboles». Tremendo esforzo. A instalación destes xigantes eólicos non son só unha agresión ao rural, senón tamén ao conxunto do país. Para estas empresas e para as Administracións que lles dan acubillo, somos fornecedores de materias primas baratas, mais os beneficios de sermos unha potencia produtora non fican aquí. Hai que defender os nosos bens e que os parques eólicos revertan positivamente no país xerando traballo de calidade e riqueza. Que foi de Gamesa? Non era rendíbel unha empresa construtora de aeroxeradores na zona cero da instalación eólica? Novamente é a vecinhanza organizada quen se mobiliza para protexernos a nós mesmas e aos espazos naturais coma as Fragas do Eume. En pé de guerra contra este capitalismo devorador.

Desde o Colectivo Terra pensamos que coa imposición deste novo parque, e os centos de novos aeroxeradores que queren instalar no país, demostran ás claras o modelo de espolio colonial que o Estado exerce sobre Galiza. Cómpre termos soberanía sobre os recursos naturais da nosa terra e pór a enerxía ao servizo do pobo galego. Co peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes, fica patente o que esta terra significa para este modelo de producción. Os danos ocasionados ao medio por estas empresas que antes queimaban carbón e agora visten de verde e os empregos perdidos en nome da transición enerxética, nunca serán asumidos por multinacionais que pagan os impostos lonxe da nosa terra, deixándonos aínda así ás que vivimos aquí a factura eléctrica máis cara do Estado.

Podes formular alegacións no teu nome ante a Delegación do Goberno en Galiza descargando o seguinte formulario. (Se na versión móbil non abre a ligazón, podes escribirnos a colectivoterra.gal para que che enviemos o modelo de alegacións)

Admin

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.